O concello de Vilarmaior, co apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, implantará un programa de compostaxe doméstica co que reducir a fracción orgánica dos residuos.
O proxecto está pensado para a participación de 100 veciños, que recibirán de forma gratuíta os correspondentes medios materiais para a elaboración de compost, ao mesmo tempo que recibirán formación na materia e asesoramento continuado durante o proceso.
Os veciños interesados poderán inscribirse na campaña nos postos informativos que se colocarán en diferentes enclaves do Concello de Vilarmaior, nas dependencias municipais ou chamando ao teléfono 981 781 709.